#ParaTerVozPropia é unha iniciativa de voluntariado centrada na campaña das elección xerais do 28 de abril, impulsada e coordinada por persoas que non temos militancia política mais que entendemos que, neste momento, é fundamental que Galiza recupere unha voz propia en Madrid.

QUE NOS UNE?

Unha soa razón: Galiza. Así de sinxelo, nós témolo claro!

Somos un pobo aberto, creativo, optimista, traballador... e un sen fin de adxectivos que non nos collen nesta páxina.

E somos tamén un país con gañas e necesidade de avanzar, con gañas de poder vivir e traballar aquí e do noso.

Queremos que as cousas muden, e que Galiza teña voz propia para dicir quen somos e quen queremos ser, cales son os nosos problemas e que solucións precisamos, cales son os nosos reptos como sociedade...

En definitiva, queremos que Galiza exista e que se fale sobre aquelas cousas que nos afectan no día a día.

Por iso conformamos esta proposta: porque somos xente comprometida co noso, que cremos nas nosas capacidades e no noso potencial como pobo. En definitiva, no noso país.

Somos persoas con intereses e realidades diferentes, visións plurais, formas diversas de entender moitos aspectos do mundo e da vida, mais compartimos neste momento unha certeza: para que a vida das galegas e dos galegos poida cambiar a mellor, temos que ter voz e facernos valer.

COMO É O PAÍS QUE QUEREMOS?

Queremos unha Galiza: feminista, aberta, xusta, democrática, inclusiva, produtiva, sostíbel, con futuro.

POR QUE GALIZA PRECISA TER VOZ PROPIA?

Para facernos valer e podermos incidir nas decisións que nos repercuten directamente como sociedade. Para que os problemas das e dos galegos existan, se fale deles, sexan atendidos. Para poñer fin á discriminación que a sociedade galega padece.

Entre todas e todos temos a facultade de poñer voz a Galiza. #ParaTerVozPropia precisámoste!

COMO PODES COLABORAR?

Cubrindo o formulario desta web e indicando en cal das dúas modalidades queres botar unha man para que Galiza teña voz propia.

Podes facelo destinando unhas horas da propia xornada electoral (domingo 28 de abril) como apoderado ou apoderada das candidaturas do BNG ou, se o prefires, axudando en labores de campaña (repartos, pegada de cartaces, organización de actos públicos, etc.)

Tamén podes axudarnos directamente compartindo en redes sociais os nosos contidos, facendo ciberactivismo e movendo os nosos perfís en Instagram, Facebook e Twitter.